lunes, 20 de abril de 2020

LUZ POZO GARZA

Hoxe expresamos un fondo pesar polo pasamento de Luz Pozo Garza na Coruña, cidade na que vivía dende finais dos anos 80. 
A poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio formaba parte da RAG dende 1950, cando só con 28 anos foi nomeada membro correspodente e, dende 1996 era académica de número.


É unha das voces esenciais das letras galegas na segunda metade do século XX, renovadora tanto na temática abordada coma na forma. 
En 2019 publicou o seu último libro Pazo de Tor, un libro de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna. 
A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia da fonte de Rosalía de Castro, á quen rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía (1996) e tamén no seu discurso de ingreso na RAG como académica de número, Diálogos con Rosalía, a primeira intervención deste tipo escrita no código da poesía.
Morre unha gran poeta máis non morre a súa poesía. D.E.P. 

" Eu era aquela nena
que medraba na mariña lucense
absorta entre dous ríos benamados
o leste dun Edén apendendo as estrelas".

Dende aquí, mandamos un agarimoso abrazo a súa filla, Luz Pozo, compañeira do noso centro durante varios anos. 

lunes, 13 de abril de 2020

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO?


Anímaste a celebrar o “DIA DO LIBRO” dende a túa casa?

O Día do Libro é un dos días favoritos da biblioteca do CPI Cruz do Sar.
Sabías que nesta data (23 de abril) se conmemora o falecemento de Cervantes e Shakespeare? E que a UNESCO promove esta celebración coa intención de fomentar a lectura, defender e protexer a industria editorial e os dereitos de autor?

E ti, que libro estás a ler estes días de “quedar na casa”?

Compárteo con nós.
Grava un video breve falando do libro que estás a ler (tamén pode participar a túa familia). Se non queres gravar un video manda unha imaxe ao correo da biblioteca bibliotecacruzdosar@gmail.com  

Recibide moito ánimo do equipo da biblioteca e sede conscientes de que estamos a facer algo moi importante quedando na casa.